Manifiesto en Gallego

CUNHA SOA VOZ

Os que suscribimos este Manifesto, en representación das diferentes organizacións que agrupan ao colectivo dos creadores musicais de todo o Estado, declaramos que:

Queremos traballar xuntos para defender os nosos intereses denunciando e reclamando a fin dos graves problemas polos que atravesan os profesionais da creación musical e que deben ser resoltos nalgún caso de xeito inmediato.
Queremos velar polo noso, hoxe incerto, futuro encontrando para iso as solucións a carencias, algunhas delas endémicas, ás que como persoas e profesionais nos vemos sometidos: previsión social e obrigas fiscais entre outras.
Queremos vivir no presente, non no pasado, e esiximos facelo preparando o futuro. Para que isto sexa posible será necesario que os distintos axentes da industria, as institucións, as administracións e mais a sociedade recoñezan o noso traballo e o papel que como motores da actividade cultural do país desempeñamos. E, tamén, consideren a cultura como a única garantía de estabilidade, progreso e entendemento entre os pobos.

Queremos reiterar o noso apoio ao sistema de xestión colectiva para a defensa e a administración dos dereitos dos creadores. E facémolo salientándoo como o único instrumento, eficaz, na defensa, promoción e control das obras e mais do uso que se fai delas.

Queremos, en definitiva, conquistar a nosa identidade de traballadores, así como a conciencia social do colectivo, ambas as dúas secuestradas ata agora, para establecer o diálogo con aqueles con quen contratamos e negociamos o froito do noso traballo: editores, productores, institucións públicas, usuarios de repertorio, compañías discográficas, programadores, axentes artísticos, etc., co fin de obter unhas condicións máis xustas e dignas.

Os nosos primeiros obxectivos serán:


  • Reclamar a actualización inmediata dos contratos editoriais alcanzando, ademais, o consenso para a elaboración dun contrato tipo.
  • Solicitar a creación dun sistema de previsión social e un réxime fiscal especial para autores, músicos e artistas que teña en conta as rendas irregulares dos mesmos e poña fin á precaria situación laboral.
  • Condenar enérxicamente calquera forma de piratería cultural como unha actividade criminal que atenta contra o futuro profesional dos creadores sinalando, ademais, que a compra dese material é un acto senón delictivo, cando menos, irresponsable.


Por todo iso, constituímonos na Red de Organizaciones de Autores e Intérpretes de Música (ROAIM) que, a partir de agora, actuará como un grupo dinámico de traballo e de comunicación entre todo o colectivo, sendo a súa principal
característica a detección, isolamento dos problemas antes mencionados e, logo da posterior análise, a presentación das posibles solucións ante os interlocutores válidos.

As nosas ferramentas para atinxir estes obxectivos serán: o diálogo, a negociación, a denuncia e se fixese falta a actuación, por primeira vez, unidos e cunha soa voz.